
Continuei en “Tespis” e despois duns anos comecei como profesional co grupo Teatro do Atlántico, chamado por Xulio Lago; alí coincidín cos actores máis coñecidos da escena galega como Vidal Bolaño, Miguel Pernas...
Alá polos 90 pasei a facer moitas obras con Fernando Morán. Eran producións moi duras, sen subvención, nas que tiñamos que sufragar os gastos e incluso pedir préstamos. Unha das montaxes que lembro con máis agarimo é Pedro e o capitán de Mario Benedetti. Fixémola por encargo de Amnistía Internacional, e en especial lembro un pase no Mosteiro de Sobrado, que fixeramos porque dous monxes eran socios de Amnistía; pero foramos a onde foramos espertaba moito interese e fixemos moitas representacións para o que é habitual no teatro galego.
Despois pasei a traballar de forma máis continuada con Espello Cóncavo e Teatro Galileo, e continúo.
O meu sitio no teatro é ser actor, aínda non me vexo dirixindo. O que máis disfruto é o proceso de creación, como vas comprendendo o teu personaxe e evidentemente... representando.
Xabier Pan no catálogo da AAAG.

Son da Coruña. Empecei a facer teatro con 7 anos no colexio Alborada, cando puxeron esta actividade. Un detalle bonito é que con 9 anos fixen o papel protagonista do libro de Euloxio R. Ruibal Amor bufo.
No instituto de Elviña formei parte do grupo Sardiña. O que máis lembro é que o primeiro curso aínda non podía formar parte do grupo; entón falei cos compañeiros e con axuda de profesores montei unha obra. Co grupo Sardiña fixen moitas obras e representacións; tamén dirixín Unha rosa é unha rosa, e lémbroa con moito cariño. Sigo vinculada ao grupo e dirixín o ano pasado As Troianas. A experiencia cos compañeiros, disfrutar e descubrir é o mellor do teatro escolar; aínda que hoxe en día moitos rapaces están máis interesados en facerse famosos que no teatro.
Estudei xornalismo, pero a realidade é que quería dedicarme ao teatro.
O que quero ser é actriz.

Despois fun á universidade. Comecei Económicas na Coruña, pero os estudos eran algo secundario. Tanto era así, que ao saber que o teatro universitario estaba mellor en Santiago, decidín cambiar a matrícula para alá. E entrei na Aula de Teatro da Universidade de Santiago. Logo dirixín a Aula de Teatro do Campus de Ferrol, porque desde a Universidade había interese en que houbese un grupo de teatro alí.
Xa comezo como profesional como protagonista de Mario e Manfredo de Manuel Lourenzo, dirixida por el tamén, que xa me coñecía do grupo Sardiña e tamén porque fixera un curso de interpretación con el.
Despois coñecín a Vidal Bolaño, co que traballei na compañía Teatro do aquí ao longo de nove anos aproximadamente, e do que podo dicir que foi a miña maior influencia ata o de agora, todo un mestre. No primeiro espectáculo apostou por facer un casting para actores universitarios. Tiven a tremenda sorte de ser seleccionado para aquela peza, e a partir dalí estiven en case todos os espectáculos que fixo nos seus últimos anos.
Tamén participei en tres obras do Centro Dramático Galego, dúas baixo a súa dirección.
Paralelamente puxen en marcha a miña primeira empresa persoal, Teatro da Bufarda, na que podía explotar outras dúas facetas que aínda non explorara, mais que sempre tivera gana de emprender: a dirección e mais a escritura. E así é que nestes anos, Teatro da Bufarda representou varios textos escritos e dirixidos por min, entre obras orixinais e adaptacións.
Na actualidade, ademais de Zardigot, participo na serie da galega Valderrei, na que interpreto o papel de Carlos.
Soldado I, Home, axudante de dirección. X. A. Garrido "Gari"
0 Comentarios Publicado por iolanda sm o 19/03/07 ás 15:44.


Xa na facultade de Filoloxía estaba no grupo de teatro de Paco Nodar. Con el representamos A Balteira.
Fixen dobraxe, monólogos; un cómico moi polifacético, como tantos dos meus compañeiros. O meu contacto con Arturo e Espello Cóncavo vén desde a miña participación en Terapia de grupo, onde estabamos varios monologuistas contando a nosa historia, pero dándolle o tratamento dun argumento teatral. E en canto aos outros actores da actual compañía, moitos deles xa os coñecía da representación de Peter Pan.
No Zardigot, en principio, estaba só de axudante de dirección e por mor da baixa de un actor pasei a ocupar o seu papel, pois non había temo para máis castings.
Á hora de elixirmos os actores e actrices para os personaxes, xa durante a lectura, para cada un deles tes varios profesionais en mente. Nós tiñamos bastante claros a Xavier, Mejuto, Digón, Rodri e Sacha.
Tamén me gusta o mundo da escrita dramática. Teño algunha peza como Matar a Sísifo, Magnolia, ou Fillos da cinza mais aínda non as publiquei.
Etiquetas: actor, axudante de dirección, elenco, Equipo técnico

Non sabería dicir se prefiro traballar na televisión ou no teatro. Cada medio ten o seu encanto e a súa complicación e metodoloxía, pero ao final redúcense ao mesmo: traballar cos sentimentos. Do teatro gústame o contacto directo co público, a emoción xusto antes de abrir o telón, a maxia na que se mergullan actores e espectadores.
Ser actor é unha profesión difícil na que hai que estudar e traballar moito. Detrás das cámaras e do telón hai moitas horas de ensaios, de estudar guións, de traballar a expresión corporal e a voz, de esperar, de frío, moito frío, de calor, moita calor, de imprevistos; e na que tes que estar preparado para facer todo aquilo que os personaxes queren que fagas para lles dar vida. Pero logo de ter traballado tanto, unha vez que se abre o telón ou se acende a televisión, o resultado paga a pena e dá forzas para seguir adiante.

O decorado para o Zardigot xurdiu xa na primeira lectura da peza. Segundo lía, víñame á mente o teatro clásico grego. Cambiándolle o nome poderiamos estar ante unha peza da traxedia grega. Faleino con Arturo e construímos o que vedes.
Eu asistín á representación que Teatro Circo fixera no ano 75. Alí non había decorado, os actores estaban sós no centro e os espectadores ao redor. Nós puxémoslle decorado. A súa construción foi rápida, igual que a idea para darlle forma. Esperemos que lles guste aos espectadores.
Etiquetas: actor, atrezzo, elenco, Equipo técnico, escenógrafo, vestiario

Creamos a compañía de teatro profesional Caroza teatro, non vixente actualmente. Representabamos obras propias escritas por Xavier Prieto.
Traballei como animador á lectura en bibliotecas. Gústame o contacto coa mocidade, non entendo o de insistirlles sempre no de “silencio, silencio”, hai que buscar o xeito de que estean coa mente ocupada no que nese momento queremos.
O meu obxectivo sempre o tiven claro, todo o meu traballo ía estar vinculado ao teatro, e en canto lle ves resultados profesionalízaste e adícaste por completo a isto, ata fun secretario da Asociación de Actores.
Ao Arturo xa o coñecía porque ía por Narón, e alí estaba eu, axudando no que puidese ás compañías que nos visitaban. Sería polo ano 90 ou 91. É a primeira vez que traballo con Espello Cóncavo.
Se me desen a elixir entre o teatro ou a televisión diría que non teño preferencias. Cada medio é diferente. Coñecelos todos é valido para seguir formándose. Iso si, non me condicionan as retribucións económicas á hora de escoller, e se nalgún caso, poñamos por exemplo, unha obra de teatro non deu o resultado que agardaba polo que sexa: porque non era tan boa como crías, pola mala distribución…, nada me bota para atrás. Eu vivo ao día.
E se andamos con gripe o día da estrea, aí estamos enriba do escenario. Hai que seguir adiante. Ademais, no teatro fas de todo, formas parte dunha compañía. Nesta profesión aprendes sobre todo a respectar, desde o que vai montar ata o director.
Gústame o meu traballo. Estou nisto por transmitir a vivencia dos personaxes. Neste caso a dureza do Zardigot, das accións impostas, das vidas manipuladas pola guerra.
Uxío, un vello de espírito mozo, que fai de Vello
3 Comentarios Publicado por Xoán o 13/03/07 ás 16:13.


Metinme nisto do teatro nos anos oitenta e pico; xa vedes, unha cousa de vellos. Todo comezou porque o cura da parroquia me enleou para facer un papel na obra A Gaiola co grupo de teatro afeccionado Monte Medela e a partir de aí xa non puiden deixar este mundo. Representamos: A Gaiola, O acahado do castro, Os cravos de prata.
Asistín a un curso de teatro en Casa HAMLET con Manuel Lourenzo e Paulo Serantes. Logo asistín aos cursos da Escola Municipal de Teatro de Betanzos impartidos por Casa HAMLET desde o ano 2003, participando nas obras: A doncela Guerreira, De amigo e amor, Inverno de alcobiteiras, Tristán García...
Actuei facendo o papel de Foucellas en Galicia para o mundo e tamén de figuración nas series: As Leis de Celavella, Terras de Miranda e A vida por diante.
Na actualidade son socio do Grupo de Teatro Brétema de Betanzos.
Do teatro gústame todo. Aínda que os ensaios sexan tarde, aínda que non teñamos bos locais para o noso traballo, aínda que sempre esteamos de acó para aló, a experiencia de representar ante o público compensa todo.

En Sada comecei a facer contacontos para os nenos, contratado polo Concello. Cada semana facía unha creación nova. Lin moitos contos. Busquei historias da literatura infantil universal, outros que me contaran a min... e fixen a miña interpretación. Estiven facendo estas representacións ata o 2000. Fixen máis de 400 representacións. Paralelamente facía teatro co grupo da ONCE, que se chama Valacar e dirixe Arturo López. E foi nestas cando se deu o boom dos monologuistas grazas a El Club de la Comedia, non porque fose unha novidade, gustou sempre. E comecei a presentarme e concursos. Dei máis de 200 representacións cos meus espectáculos. Con Zardigot é a segunda vez que traballo con Espello Cóncavo.
Entrevista con Oswaldo Digón en La Voz de Galicia.
Oswaldo en empuje.net

O comezo da miña traxectoria profesional foi a dobraxe; era o ano 1985 e acababa de crearse a TVG. Despois de diversos cursos de ortofonía, dicción, interpretación, dramaturxia con profesores tan marabillosos como Jesús Aladrén ou Natalia Zvereva decidín embarcarme na aventura do teatro, montando compañía propia, e no 1996 debutaba coa obra As criadas de Jean Genet.
Desde entón seguín traballando ininterrompidamente en teatro, pero con outras compañías, porque descubrín que non quería ser empresaria, senón actriz. Participei en moitos espectáculos de Teatro Galileo e esta é a segunda ocasión que traballo coa compañía de Espello Cóncavo e baixo a dirección de Arturo López, quen antes me dirixira en As Troianas.
Despois do teatro veu a televisión. Primeiro en Mareas Vivas. Alí daba vida a Pitusa, a secretaria do xulgado namorada do percebeiro Currás. Posteriormente en As leis de Celavella, na que representaba o papel de Leocadia, a dona do café.
Actualmente compaxino dobraxe, teatro e televisión, tres ámbitos diferentes, pero unha soa profesión: actriz.
Teño a sorte de traballar no que me gusta, interpretar, poñerme na pel do personaxe, darlle vida e darlle alma. Gústame sentir, que os meus personaxes disfruten ou padezan, pero só o tempo que dura a escena. Aprendo deles, porque é poñéndose na pel do outro a maneira de coñecelo e saber por qué é de determinada maneira.
No meu caso o segredo desta profesión consiste en buscar dentro de min aquilo que está acorde co personaxe a traballar. Eu penso que todos os seres humanos estamos feitos da mesma esencia, que cada persoa é un todo, e aí é onde tes que mergullarte para buscar, para recoñecer en ti a vítima e o verdugo, o comediante e o depresivo. Todos somos todo, todos temos todas as facetas. Para crear un personaxe só hai que sacar a relucir as que resulten máis convenientes para a súa configuración. O personaxe pide e o actor dá. Non me pelexo con el, instálome na súa enerxía e déixome fluír.
Ana na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ana no catálogo da aadteg.