
Despois fun á universidade. Comecei Económicas na Coruña, pero os estudos eran algo secundario. Tanto era así, que ao saber que o teatro universitario estaba mellor en Santiago, decidín cambiar a matrícula para alá. E entrei na Aula de Teatro da Universidade de Santiago. Logo dirixín a Aula de Teatro do Campus de Ferrol, porque desde a Universidade había interese en que houbese un grupo de teatro alí.
Xa comezo como profesional como protagonista de Mario e Manfredo de Manuel Lourenzo, dirixida por el tamén, que xa me coñecía do grupo Sardiña e tamén porque fixera un curso de interpretación con el.
Despois coñecín a Vidal Bolaño, co que traballei na compañía Teatro do aquí ao longo de nove anos aproximadamente, e do que podo dicir que foi a miña maior influencia ata o de agora, todo un mestre. No primeiro espectáculo apostou por facer un casting para actores universitarios. Tiven a tremenda sorte de ser seleccionado para aquela peza, e a partir dalí estiven en case todos os espectáculos que fixo nos seus últimos anos.
Tamén participei en tres obras do Centro Dramático Galego, dúas baixo a súa dirección.
Paralelamente puxen en marcha a miña primeira empresa persoal, Teatro da Bufarda, na que podía explotar outras dúas facetas que aínda non explorara, mais que sempre tivera gana de emprender: a dirección e mais a escritura. E así é que nestes anos, Teatro da Bufarda representou varios textos escritos e dirixidos por min, entre obras orixinais e adaptacións.
Na actualidade, ademais de Zardigot, participo na serie da galega Valderrei, na que interpreto o papel de Carlos.
0 comentarios a “X. C. Mejuto é o Capitán”