Nacín en Ourense hai 27 anos. Pódese dicir literalmente que mamei o teatro xa nada máis nacer, pois a miña nai, Belén Constenla, é actriz. Sendo neno levábame consigo aos ensaios. A min o que máis me gustaba xa daquela era a parte técnica e prepareime para isto.Traballei como realizador na Galega, participei en curtametraxes, documentais. Estiven na televisión en Madrid, en Antena 3, en Canal 7… pero non esquezo os meus comezos na televisión local de Ourense.
O meu contacto con Arturo foi de casualidade a través de terceiros e aquí me tedes traballando con Raúl no Zardigot. Para non mentirvos direivos que este é o meu primeiro traballo para o teatro. Como digo eu: “Hai que probar de todo”. Pasei de ser mero espectador a formar parte dunha compañía.
Desde a nosa mesa de traballo vemos nos actores o volume que ten que ter o son. Intentamos axudalos, formamos parte, dalgún xeito, do seu papel, ao igual que a maquillaxe ou o guión.
Partindo do punto de vista do mundo do audiovisual, resulta máis complicado o traballo na televisión, pero o teatro require toda a atención. Gústame isto porque é máis directo, os seus resultados son inmediatos, podes ver a reacción do público e iso resulta fascinante.
Etiquetas: Equipo técnico, son, técnico
Soldado I, Home, axudante de dirección. X. A. Garrido "Gari"
0 Comentarios Publicado por iolanda sm o 19/03/07 ás 15:44.
Nacín na Coruña e aquí vivo actualmente. Estou no mundo do teatro dende a escola. Sempre me gustou facer de alguén que non son, unha esquizofrenia moi ben levada.Xa na facultade de Filoloxía estaba no grupo de teatro de Paco Nodar. Con el representamos A Balteira.
Fixen dobraxe, monólogos; un cómico moi polifacético, como tantos dos meus compañeiros. O meu contacto con Arturo e Espello Cóncavo vén desde a miña participación en Terapia de grupo, onde estabamos varios monologuistas contando a nosa historia, pero dándolle o tratamento dun argumento teatral. E en canto aos outros actores da actual compañía, moitos deles xa os coñecía da representación de Peter Pan.
No Zardigot, en principio, estaba só de axudante de dirección e por mor da baixa de un actor pasei a ocupar o seu papel, pois non había temo para máis castings.
Á hora de elixirmos os actores e actrices para os personaxes, xa durante a lectura, para cada un deles tes varios profesionais en mente. Nós tiñamos bastante claros a Xavier, Mejuto, Digón, Rodri e Sacha.
Tamén me gusta o mundo da escrita dramática. Teño algunha peza como Matar a Sísifo, Magnolia, ou Fillos da cinza mais aínda non as publiquei.
Etiquetas: actor, axudante de dirección, elenco, Equipo técnico

Escoita a música do Zardigot.
Son Raúl, o compositor da música de Zardigot. Ademais de músico son tamén actor. Foi aló polo ano 93 cando coñecín a Arturo, que era o técnico da compañía coa que eu estaba a traballar. Eu daquela era aínda un recén chegado ao mundo do teatro. Estaba a rematar o último ano da carreira cando por unha desas casualidades que cambian a túa vida, un amigo me avisou de que un director de teatro buscaba alguén para facer unha substitución. Non cheguei a facer esa substitución, pero si conseguín o meu primeiro papel nunha compañía profesional hai xa quince anos.
Rematada a carreira, e traballando regularmente no teatro, seguín a estudar no Conservatorio. Puiden facer Harmonía e aprendín a tocar un pouco o piano aínda que sigo estando máis cómodo coa guitarra. É curioso: lembro que o primeiro que fixen enriba dun escenario cun grupo de teatro foi cantar. Para min música e teatro son dúas disciplinas inseparables.
Foi na compañía coa que estou a traballar actualmente, Teatro Galileo, coa que empecei a compoñer música para teatro. Despois de poñer algunha pincelada de humor, como sempre acompañado da miña guitarra, un día o director, Pedro Rubín preguntoume: “que música lle podemos poñer a este espectáculo?” Eu contestei: “Teño unha idea, deixame que a intente compoñer”. Dende aquela, veño compoñendo a música de tódolos espectáculos de Teatro Galileo. Agora, débolle a Arturo o darme a oportunidade de poder poñerlle música a esta criatura que é Zardigot, que por certo, é o primeiro espectáculo ao que poño música sen traballar dentro como actor.
Cando me enfrento a un texto ao que hai que poñer música, intento imaxinarme como quedará. Sempre pregunto pola escenografía, as cores do vestiario, quen van interpretar os papeis... e intento traducir estas imaxes a música. Ás veces suxírenme unha melodía, outras veces un ritmo ou apenas un timbre determinado (hai obras que piden metais e obras que piden violíns; unhas suxiren orquestras e outras solistas...) Cando consigo a "idea", intento dar forma ao que eu chamo "a paleta". Esta é unha composición duns 3 ou 4 minutos na que sintetizo as melodías, os ritmos e os timbres que despois utilizarei ao longo do espectáculo. Esta composición o público case nunca a escoita, resérvase para o momento dos aplausos. Pero toda a música do espectáculo está construída a partir de "motivos" quitados deste tema central, que é o que eu lle presento ao director para recibir o seu visto bo antes de aplicalo a cada momento da representación.
A luz e a música adoitan ser os últimos elementos que se incorporan a un espectáculo teatral. Son os máis inmateriais, pero aportan unha maxia especial. Consiguen dar o toque final na creación de ambientes e aportan ao espectador sensacións que van máis alá das palabras do texto e do que os propios personaxes están a representar.
Etiquetas: Equipo técnico, música, son
Polo ano 74 estaba na Laboral e xa alí formaba parte do grupo de teatro que tiñan. No 77 vivín as Mostras de Ribadavia en vivo e en directo. Posteriormente simultaneo Filoloxía e Belas Artes en Santiago, e máis tarde comezo cos estudos de Filosofía. Pero non me enchía. A miña vocación xa era o teatro. Traballei tamén para a televisión, o cinema. Sobre todo na construción de decorados. Se teño que elixir entre un destes dous medios, quedo co teatro: é máis repousado, adícaslle máis tempo, vívelo máis intensamente…, o outro é máis industrial.O decorado para o Zardigot xurdiu xa na primeira lectura da peza. Segundo lía, víñame á mente o teatro clásico grego. Cambiándolle o nome poderiamos estar ante unha peza da traxedia grega. Faleino con Arturo e construímos o que vedes.
Eu asistín á representación que Teatro Circo fixera no ano 75. Alí non había decorado, os actores estaban sós no centro e os espectadores ao redor. Nós puxémoslle decorado. A súa construción foi rápida, igual que a idea para darlle forma. Esperemos que lles guste aos espectadores.
Etiquetas: actor, atrezzo, elenco, Equipo técnico, escenógrafo, vestiario
Nacín na Coruña hai 35 anos. Estudei Estética e realicei cursos de maquillaxe en Madrid. Levo xa vivindo de maquillar as persoas uns 16 anos; eu só me maquillo para as ocasións.Empecei traballando no Estudo R de maquillaxe. Comecei coa serie da Televisión Galega Os vellos feirantes. E nestes momentos estou na serie Libro de familia.
Para as representacións apréndolles aos actores e actrices como se teñen que maquillar. Fágolles unha ficha coas indicacións do deseño de cada personaxe e logo eles en sucesivas represencións terano que facer por si mesmos. Por suposto, co paso das representacións, os propios actores e actrices van personalizando a maquillaxe e facéndoa máis súa.
Para crear a maquillaxe dun personaxe baséome no guión. Logo falo co director. Neste traballo hai que ter tamén en conta a iluminación. É moi importante. Para o Zardigot, dividín os personaxes en dous grupos: os do conflito bélico, todos pálidos e con rasgos cuase tribais, indicando que deixan de ser persoas para pasar ao bando dos crueis, dos inhumanos. E o outro grupo, con trazos máis reais, sen esquecer que están en guerra.
A toma de contacto con Arturo foi a través da perruqueira de As leis de Celavella . En canto á compañía actual de Espello Cóncavo xa traballo con Lucía e Manuel en Libro de familia.
Etiquetas: Equipo técnico, maquillaxe
Tal como di o autor, Zardigot nace nunha época condicionada pola carencia de liberdades. Probablemente hoxe sería escrita doutro xeito... ou non; pero, en todo caso, Zardigot preséntasenos hoxe como unha historia con voz propia, como un alegato contra a guerra, contra todas as guerras e, tamén, claro que si, unha denuncia da barbarie que supuxo a guerra civil española. Ten razón Euloxio en non retocar nada do texto orixinal, cousa que hoxe sería evidentemente posible, pero é que Zardigot medrou, fíxose clásico nestes anos transcorridos desde aquel Abrente do 73. Por iso é para nós un desafío sermos quen de combinar o xeral co particular, de dicir, hoxe, o que por imperativos políticos non se puido dicir onte. As palabras do autor han de servirlle ao espectador como referencia á que acudir e poder, así, establecer o acerto ou desacerto da nosa proposta. Na medida en que o noso traballo consiga facer chegar ao espectador ese Zardigot, consideramos a nosa misión cumprida.
Arturo López
Etiquetas: director, Equipo técnico











