Zardigot

Unha representación de Espello Cóncavo


Escena VII



Escoita a escena.
VII

ESTRELA (A Xaquín)
E ti... Non sei... Ten máis tento... Vas amalarte tamén!

SABELA
E logo a quen chamaremos, papá?

XAQUÍN
Teño que ir...! Que máis quixera eu!

ESTRELA
Terás, terás... Facendo o parvo, coma sempre. Quéreslles acudir a todos e... Que culpa tes ti? Así rematas sempre baldado! Que traian outro médico! E os soldados que se arranxen eles. Ti non es militar.

MINGOS
Que dis, mamá!

ESTRELA
O que oes!

MINGOS
A quen lle hai que acudir primeiro é aos soldados.

ESTRELA
Que traian un médico para eles.

MINGOS
Fan falla moitos médicos nas guerras.

SABELA
Case é noite. Agora estarase ben ao frequiño...

ESTRELA
Pero teu pai non ten por que traballar por catro.

XAQUÍN
Calade con eso. Teño que facelo e namais. Eu estou ás súas ordes. Son militar en certo xeito.

SABELA
E como non che dan uniforme? Gustaríame verte. Camparías moito.

XAQUÍN
Xa o teño, Sabeliña: unha chambra branca.

SABELA
Eu digo dos outros. Ese dáme noxo...

ESTRELA
Dará. Ti...! Estámosche ben contigo, estamos!

SABELA
Que foi? Xesús! Unha vai ter que pechar para sempre a boca.

ESTRELA
Mellor sería.

MINGOS (A seu pai)
Eu podería axudarche... Seica mañá chegan máis feridos.

ESTRELA
Outro...! Ti non tes nada que ir buscar... Aínda es un rapazolo!

XAQUÍN
Non os deixas rebulir...

ESTRELA
A que teño que aturalos todo o día son eu.

SABELA
Non che fago mal.

MINGOS
Pensas que somos uns nenos aínda?

ESTRELA
Penso o que sodes.

MINGOS
Pensas que non vallo para nada?

XAQUÍN
Non lle fales así a túa nai, Mingos.

ESTRELA
Cos traballos que unha pasa!

MINGOS
Se hai guerra será por algo... Veu porque faría falla!

XAQUÍN
Para que?

MINGOS
Foron os liberais os que comezaron.

XAQUÍN
Os liberais non querían a guerra.

SABELA
Eu tampouco. Non hai festas e é moi aburrido.

XAQUÍN
Os liberais só querían cambiar as cousas...

MINGOS
O que? Quen son eles para eso?

XAQUÍN
Ben, ben... Aínda es moi novo. Xa falaremos...

MINGOS
Non falaremos máis. Xa está todo dito. Mañá irei alistarme.

ESTRELA (Nun berro)
Non, eso non!

XAQUÍN
Ti non vas a ningures!

MINGOS
Quen mo vai privar?

XAQUÍN
Eu!

ESTRELA
Non, meu fillo, non. Non fagas eso.

XAQUÍN
Prívocho eu!

MINGOS
Verémolo!

XAQUÍN
Dígoche que non, e non!

MINGOS
Eu ben sei o que teño que facer.

XAQUÍN
Non me tires do xenio!

MINGOS
E non coma outros...

ESTRELA
Minguiños, fai o que che din. Queres ser a nosa ruína?

MINGOS
Coma outros que axudan ás agachadas aos liberais. Pensas que non o sei?

XAQUÍN
Cala!

MINGOS
Estou moi ledo de ter un pai liberal! Dígollo, dígollo tamén? Agradeceríanmo moito...

XAQUÍN
Estás nun erro!

MINGOS
Ai, si? Sei máis do que pensas...

XAQUÍN
Ti non sabes nada, entendes? Nada!

MINGOS
Non? Se non fose porque me dá vergoña... Moita vergoña! E noxo. De ti! Noxo e vergoña!

ESTRELA
Calarás?

SABELA
Toleou!

MINGOS
E ademais co Fuquiño...

(Estrela botouse a chorar)

SABELA
Non te metas co Fuquiño. Non tes dereito.

MINGOS
Que familia...! Estou orgullosísimo...!

SABELA
Ves o que fixeches? Mamá está chorando.

MINGOS
Ti tamén es boa moza.

SABELA
Que che fixen eu?

MINGOS
Porca! Goldracha! Baldreu, que es un baldreu!

XAQUÍN
Fóra! Fóra...! Fóra!

(Mingos vaise paseniñamente. Sabela chora tamén. E seu pai ficou alporizado, tremendo coa rabia. Escurece)


[+/-] Sigue lendo...

Etiquetas:

0 comentarios a “Escena VII”

Enviar um comentário

Este blogue quere aportar materiais de apoio á primeira representación profesional do Zardigot de Euloxio R. Ruibal, realizada pola compañía Espello Cóncavo. Tamén poderás atopar, coordinada pola AS-PG, unha proposta didáctica para o ensino.

Os autores



Na Web No blogue

máscaras

Axuda

máscaras

Recursos

AS-PG

Ano da Memoria

MultiRss

feed

Blogger

Engade este blogue aos teus favoritos en Technorati

Zardigot e outras montaxes

www.flickr.com


Licenza Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial 3.0 de Creative Commons

AS-PG 2007 Zardigot