Zardigot

Unha representación de Espello Cóncavo


Falando con Ruibal sobre o Zardigot

As preguntas que van a seguir están seleccionadas de entre as que formularon un grupo de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato, despois de facer unha lectura en grupo da peza.

Que significa Zardigot? Cal foi a súa intención con ese título?

Para min non significa nada en concreto, pero suxíreme moitas cousas. É unha palabra que se me ocurriu para bautizar a obra. Malia a non cumprir case ningunha das características convencionais que debe posuír un bo título, pareceume naquel momento moi axeitado.

Que supuxo recibir o premio Abrente?

Pois supuxo, sobre todo, a posibilidade de publicar o texto e mais a de poñelo en escena. Facilitoume a relación con xentes do teatro e da cultura en xeral. Permitiume, por exemplo coñecer axiña a Ricard Salvat, un dos membros do xurado, que me deu azos para seguir escribindo e me introduciu no ámbito cultural catalán.

Que fin buscaba con esta obra de teatro?

Supoño que pretendía o mesmo que todo autor: expresar dramaticamente a miña traxedia interior, os meus conflitos, e amosar a miña visión do mundo. Pode semellar pretencioso (e poida que o sexa), pero, consciente ou inconscientemente, iso é o que, no fondo, procuramos sempre. A iso nos leva a imperiosa necesidade de comunicación, dunha verdadeira e óptima comunicación que palíe a pantasma da soidade.

Está baseada en feitos reais? Existe algún feito real na historia?

Non, a obra non está baseada en feitos reais. Valinme, por suposto, de moitas lecturas e de numerosos comentarios, sucesos ou anécdotas, que fora escoitando, sempre en voz baixa e medoñenta, por aqueles anos.

En que se inspirou para escribir esta obra?

A guerra civil española era un tema tabú (e, no fondo, aínda o segue sendo). As feridas estaban abertas. A verdade popular teimaba por revelarse, pero era afogada acotío pola retórica oficial. Coido que ese clima favoreceu o xurdimento dunha idea inicial, que foi tomando corpo, agrandándose coma unha bóla de neve. Unha pequena fábula sobre aves, que agora non recordo de onde a saquei, deume algunhas claves para o desenvolvemento argumental.

Que autores de referencia tiña cando escribiu a historia?

Tiña moitos. Case os mesmos que teño agora: Valle-Inclán, Büchner, Shakespeare, Brecht, Weiss, Lorca, Genet, Synge, Strindberg, Joyce, Beckett, Lope de Vega, Esquilo, Sófocles, Eurípides... E tamén, claro, a Castelao, Dieste, Otero Pedrayo...

Zardigot, ou vostede mesmo sufriron algún tipo de censura?

Tivo problemas tanto para publicarse como para representarse. Foron superados pola habelencia dos negociadores. Teatro Circo, por exemplo, que logo a estrearía, logrou convencer aos censores de que a obra trataba sobre as guerras carlistas e que os anacronismos que contiña se debían a simples despistes.

A obra está dedicada a Eduardo Blanco Amor, por que?

A miña foi unha xeración orfa, sen mestres directos. Blanco-Amor era dos poucos escritores consagrados que se interesaban polo que facíamos os mozos. Quería ser un máis de nós. Participaba con entusiasmo en todas as actividades. Vivía as nosas inquedanzas como propias. E nós sentiamos por el unha verdadeira veneración. A súa aportación ao noso teatro fora moi importante. Ademais, era o autor d’A esmorga, a mellor novela galega. A miña dedicatoria de Zardigot foi, por tanto, a expresión do meu recoñecemento e da miña admiración.

Por que elixiu como personaxe forte a unha muller?

Non o sei. Non teño unha explicación racional. Agora cadraría moi ben unha cavilación feminista pola miña parte. Paro non a vou facer. Non sería sincera.

Se escribise hoxe a peza, seguiría sendo unha muller a que levase o peso da obra?

Supoño que si. Talvez me arrede da pregunta, pero eu penso que na miña obra os personaxes femininos están mellor construídos que os masculinos. Ben, polo menos algúns.

A que se debe que Estrela se dirixa ao público?

A obra ten un claro compoñente épico. Tal e como está estruturada, considero que é a focalización de maior interese dramático. É posíbel que “as troianas” tivesen algo que ver. A óptica feminina das guerras é moi diferente da masculina, como diferente é tamén a implicación ou a participación.

Por que esa transmutación de personaxes de Sabela en Estrela e de Xaquín en neno?

Aquí xa entramos en aspectos moi complexos. Subconsciente, parateatro, ludismo... Psicodrama. Que sei eu...! A min preocúpame a estruturación dunha peza, pero xa non me atañe procurarlle explicacións, significados ou sentidos. Quero ficar á marxe. É algo que pertence aos mecanismos da creatividade, da intuición. Se os descifro, temo que deixen de funcionarme.

Séntese identificado con algún dos personaxes?

Supoño que todos teñen algo de min. Mais ningún “c’est moi”.

A que se deben os saltos temporais da obra?

É o que pedía a estrutura. Despois de Einstein, comezouse a narrar de maneira moi diferente con respecto ao tempo. O relato evolucionou moito. Unha peza teatral de fasquía narrativa (ou, se se prefire, épica) xa non se podía contar de maneira lineal. A min, polo menos, non me interesaba daquela.

Por que a elección do termo "escuro" para indicar a fin e non o de "pano"?

Tamén teño utilizado pano, que é o convencional, pero paréceme anticuado. É a luz que crea ou destrúe o espazo.

Se fose o encargado do decorado para a representación e tendo en conta a escasa información que aportan as didascalias, ¿como vestiría os personaxes?, que espazos crearía?

Deseñaría un vestiario moi moderno e moi clásico á vez, occidental e asemade oriental. O espazo, único, polivalente. Quizais o escenario nu, baleiro. Ou, mellor aínda, un espazo sen escenario, semellante ao do teatro parisino “Les Bouffes du Nord”.

Como era o público no ano 73? Que público implícito tiña en mente cando a escribiu?

Era un público esperto, curioso, entusiasta. Tiña fame de teatro, de cultura.

Sei cal era o destinatario da miña obra, a xente de Galiza. Descoñezo cal é o receptor implícito.

Se soubese que o público destinatario ía ser o alumnado de secundaria, realizaría algún cambio?

Si. Poucos.

Que lle gustaría que lles quedase como pouso ao noso alumnado despois de asistiren á representación?

Por pedir...! O poder dignificador do teatro (e das artes en xeral). A idea de respecto polos dereitos humanos.


[+/-] Sigue Lendo...

Etiquetas: ,

2 comentarios a “Falando con Ruibal sobre o Zardigot”

  1. # Anonymous Anónimo

    OLA bueno somos alumnas da escola de Cerceda e queriamoslle dicir que a obra pareciunos moi boa e entretida.

    Saludos das alumnas de 4º de ESO

    Sole e María  

  2. # Anonymous Anónimo

    OLA bueno somos alumnas da escola de Cerceda e queriamoslle dicir que a obra pareciunos moi boa e entretida.

    Saludos das alumnas de 4º de ESO

    Sole e María  

Enviar um comentário

Este blogue quere aportar materiais de apoio á primeira representación profesional do Zardigot de Euloxio R. Ruibal, realizada pola compañía Espello Cóncavo. Tamén poderás atopar, coordinada pola AS-PG, unha proposta didáctica para o ensino.

Os autores



Na Web No blogue

máscaras

Axuda

máscaras

Recursos

AS-PG

Ano da Memoria

MultiRss

feed

Blogger

Engade este blogue aos teus favoritos en Technorati

Zardigot e outras montaxes

www.flickr.com


Licenza Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial 3.0 de Creative Commons

AS-PG 2007 Zardigot