
Creamos a compañía de teatro profesional Caroza teatro, non vixente actualmente. Representabamos obras propias escritas por Xavier Prieto.
Traballei como animador á lectura en bibliotecas. Gústame o contacto coa mocidade, non entendo o de insistirlles sempre no de “silencio, silencio”, hai que buscar o xeito de que estean coa mente ocupada no que nese momento queremos.
O meu obxectivo sempre o tiven claro, todo o meu traballo ía estar vinculado ao teatro, e en canto lle ves resultados profesionalízaste e adícaste por completo a isto, ata fun secretario da Asociación de Actores.
Ao Arturo xa o coñecía porque ía por Narón, e alí estaba eu, axudando no que puidese ás compañías que nos visitaban. Sería polo ano 90 ou 91. É a primeira vez que traballo con Espello Cóncavo.
Se me desen a elixir entre o teatro ou a televisión diría que non teño preferencias. Cada medio é diferente. Coñecelos todos é valido para seguir formándose. Iso si, non me condicionan as retribucións económicas á hora de escoller, e se nalgún caso, poñamos por exemplo, unha obra de teatro non deu o resultado que agardaba polo que sexa: porque non era tan boa como crías, pola mala distribución…, nada me bota para atrás. Eu vivo ao día.
E se andamos con gripe o día da estrea, aí estamos enriba do escenario. Hai que seguir adiante. Ademais, no teatro fas de todo, formas parte dunha compañía. Nesta profesión aprendes sobre todo a respectar, desde o que vai montar ata o director.
Gústame o meu traballo. Estou nisto por transmitir a vivencia dos personaxes. Neste caso a dureza do Zardigot, das accións impostas, das vidas manipuladas pola guerra.
0 comentarios a “"Sacha" é o Soldado II”