Escoita a música do Zardigot.
Son Raúl, o compositor da música de Zardigot. Ademais de músico son tamén actor. Foi aló polo ano 93 cando coñecín a Arturo, que era o técnico da compañía coa que eu estaba a traballar. Eu daquela era aínda un recén chegado ao mundo do teatro. Estaba a rematar o último ano da carreira cando por unha desas casualidades que cambian a túa vida, un amigo me avisou de que un director de teatro buscaba alguén para facer unha substitución. Non cheguei a facer esa substitución, pero si conseguín o meu primeiro papel nunha compañía profesional hai xa quince anos.
Rematada a carreira, e traballando regularmente no teatro, seguín a estudar no Conservatorio. Puiden facer Harmonía e aprendín a tocar un pouco o piano aínda que sigo estando máis cómodo coa guitarra. É curioso: lembro que o primeiro que fixen enriba dun escenario cun grupo de teatro foi cantar. Para min música e teatro son dúas disciplinas inseparables.
Foi na compañía coa que estou a traballar actualmente, Teatro Galileo, coa que empecei a compoñer música para teatro. Despois de poñer algunha pincelada de humor, como sempre acompañado da miña guitarra, un día o director, Pedro Rubín preguntoume: “que música lle podemos poñer a este espectáculo?” Eu contestei: “Teño unha idea, deixame que a intente compoñer”. Dende aquela, veño compoñendo a música de tódolos espectáculos de Teatro Galileo. Agora, débolle a Arturo o darme a oportunidade de poder poñerlle música a esta criatura que é Zardigot, que por certo, é o primeiro espectáculo ao que poño música sen traballar dentro como actor.
Cando me enfrento a un texto ao que hai que poñer música, intento imaxinarme como quedará. Sempre pregunto pola escenografía, as cores do vestiario, quen van interpretar os papeis... e intento traducir estas imaxes a música. Ás veces suxírenme unha melodía, outras veces un ritmo ou apenas un timbre determinado (hai obras que piden metais e obras que piden violíns; unhas suxiren orquestras e outras solistas...) Cando consigo a "idea", intento dar forma ao que eu chamo "a paleta". Esta é unha composición duns 3 ou 4 minutos na que sintetizo as melodías, os ritmos e os timbres que despois utilizarei ao longo do espectáculo. Esta composición o público case nunca a escoita, resérvase para o momento dos aplausos. Pero toda a música do espectáculo está construída a partir de "motivos" quitados deste tema central, que é o que eu lle presento ao director para recibir o seu visto bo antes de aplicalo a cada momento da representación.
A luz e a música adoitan ser os últimos elementos que se incorporan a un espectáculo teatral. Son os máis inmateriais, pero aportan unha maxia especial. Consiguen dar o toque final na creación de ambientes e aportan ao espectador sensacións que van máis alá das palabras do texto e do que os propios personaxes están a representar.
Etiquetas: Equipo técnico, música, son
0 comentarios a “Poema sinfónico para Zardigot”