
Continuei en “Tespis” e despois duns anos comecei como profesional co grupo Teatro do Atlántico, chamado por Xulio Lago; alí coincidín cos actores máis coñecidos da escena galega como Vidal Bolaño, Miguel Pernas...
Alá polos 90 pasei a facer moitas obras con Fernando Morán. Eran producións moi duras, sen subvención, nas que tiñamos que sufragar os gastos e incluso pedir préstamos. Unha das montaxes que lembro con máis agarimo é Pedro e o capitán de Mario Benedetti. Fixémola por encargo de Amnistía Internacional, e en especial lembro un pase no Mosteiro de Sobrado, que fixeramos porque dous monxes eran socios de Amnistía; pero foramos a onde foramos espertaba moito interese e fixemos moitas representacións para o que é habitual no teatro galego.
Despois pasei a traballar de forma máis continuada con Espello Cóncavo e Teatro Galileo, e continúo.
O meu sitio no teatro é ser actor, aínda non me vexo dirixindo. O que máis disfruto é o proceso de creación, como vas comprendendo o teu personaxe e evidentemente... representando.
Xabier Pan no catálogo da AAAG.

É o pai de Mingos e Sabela, e o home de Estrela. É o médico da vila. Home de ideas liberais, forzado a colaborar cos conservadores que ocupan a zona. Vive tamén unha contradición: por un lado quixera defender as súas ideas dun xeito máis contundente, pero o temor ás consecuencias, lévao a adoptar posturas covardes e indignas.
Etiquetas: director, personaxes

Son da Coruña. Empecei a facer teatro con 7 anos no colexio Alborada, cando puxeron esta actividade. Un detalle bonito é que con 9 anos fixen o papel protagonista do libro de Euloxio R. Ruibal Amor bufo.
No instituto de Elviña formei parte do grupo Sardiña. O que máis lembro é que o primeiro curso aínda non podía formar parte do grupo; entón falei cos compañeiros e con axuda de profesores montei unha obra. Co grupo Sardiña fixen moitas obras e representacións; tamén dirixín Unha rosa é unha rosa, e lémbroa con moito cariño. Sigo vinculada ao grupo e dirixín o ano pasado As Troianas. A experiencia cos compañeiros, disfrutar e descubrir é o mellor do teatro escolar; aínda que hoxe en día moitos rapaces están máis interesados en facerse famosos que no teatro.
Estudei xornalismo, pero a realidade é que quería dedicarme ao teatro.
O que quero ser é actriz.

É un personaxe ambiguo, que está nunha idade en que aínda non é muller, pero tampouco é unha nena; na que os dous mundos coexisten: o infantil e o adulto, que xa se comeza a albiscar. Debido a isto os seus actos poden parecer irreverentes, crueis e ata, diriamos que perversos, pero, por outra banda é unha moza consciente da cruel realidade, aínda que a nega.
No contexto da obra é o personaxe que conleva unha carga máis poética.
Etiquetas: director, personaxes

Despois fun á universidade. Comecei Económicas na Coruña, pero os estudos eran algo secundario. Tanto era así, que ao saber que o teatro universitario estaba mellor en Santiago, decidín cambiar a matrícula para alá. E entrei na Aula de Teatro da Universidade de Santiago. Logo dirixín a Aula de Teatro do Campus de Ferrol, porque desde a Universidade había interese en que houbese un grupo de teatro alí.
Xa comezo como profesional como protagonista de Mario e Manfredo de Manuel Lourenzo, dirixida por el tamén, que xa me coñecía do grupo Sardiña e tamén porque fixera un curso de interpretación con el.
Despois coñecín a Vidal Bolaño, co que traballei na compañía Teatro do aquí ao longo de nove anos aproximadamente, e do que podo dicir que foi a miña maior influencia ata o de agora, todo un mestre. No primeiro espectáculo apostou por facer un casting para actores universitarios. Tiven a tremenda sorte de ser seleccionado para aquela peza, e a partir dalí estiven en case todos os espectáculos que fixo nos seus últimos anos.
Tamén participei en tres obras do Centro Dramático Galego, dúas baixo a súa dirección.
Paralelamente puxen en marcha a miña primeira empresa persoal, Teatro da Bufarda, na que podía explotar outras dúas facetas que aínda non explorara, mais que sempre tivera gana de emprender: a dirección e mais a escritura. E así é que nestes anos, Teatro da Bufarda representou varios textos escritos e dirixidos por min, entre obras orixinais e adaptacións.
Na actualidade, ademais de Zardigot, participo na serie da galega Valderrei, na que interpreto o papel de Carlos.