Publicado por iolanda sm
o 26/11/07 ás 18:49. 

A
penas falta un mes para que baixe o pano do 2007 e remate a representación:
125 anos de teatro galego.

Sen ter en conta pezas como
A Casamenteira, de
Antonio Bieito Fandiño (escrita en 1812 pero publicada en 1845); ou a
Contenda dos labradores de Caldelas (1691) de
Gabriel Feixó de Araúxo, que Fermín Bouza Brey daría a coñecer no ano 1953, co títuliño:
Ent
remés famoso en que se contiene la contienda que tubieron los labradores de la feligresía de Caldelas con los portoqueces sobre la pesca del río Miño. Año de 167... Compuesto por el Licenciado Gabriel Feyxó de Araújo. Año de 1671; ou o anónimo
Entremés do portugué
s (tamén do século XVIII); elixiuse a peza de
Francisco María de la Iglesia,
A fonte do xuramento (seica por ser o primeiro texto teatral en galego do que se ten conta da súa estrea, o 13 de Agosto de 1882, no Liceo de Betanzos), como punto de partida para a efeméride.
Para esta
conmemoración, a Consellería de Cultura e Deporte

xunto co IGAEM proxectaron, por unha banda, a
exposición itinerante “
Un país desde as táboas”, que rematará en Narón o 23 deste decembro; e por outra banda, 25 compañías percorreron 38 localidades entre agosto e setembro, representando un total de 125 funcións.

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en colaboración coa Editorial Galaxia, homenaxea tamén o noso teatro coa publicación de
Cento vinte e cinco anos de teatro en galego, obra de varios autores e coordinada por
Manuel F. Vieites.
Esperemos que a cousa non quede aí, que sexamos conscientes da
relevancia da nosa dramaturxia, que valoremos non só os consagrados, senón, como di
Pillado, que saibamos valorar "os homes e mulleres que durante moitísimos anos traballaron a prol do teatro galego por pura militancia e coa indiferenza das institucións (...) que nunca tiveron suficiente sensibilidade para decatarse da importancia que ten o teatro como fenómeno de culturización do país", pensemos no
Zardigot, e que todas esas
fermosas palabras que quedan sobre o papel cobren vida para que siga a
función.