Zardigot

Unha representación de Espello Cóncavo


Actores e personaxes

Xabier Pan é Xaquín

Comecei a facer teatro no grupo O Facho, unha agrupación cultural que tiña un grupo de teatro afeccionado moi coñecido. Era o ano 1983. Comecei indo polos ensaios, porque me gustaba o teatro, asistir ás representacións e creo que tamén me influíu o feito de que un irmán meu tamén actuara algunha vez. Como dicía ía polos ensaios e un día faltou un dos actores e pedíronme que pasara eu o papel. Aceptei, gustoulles, e na seguinte obra xa me incluíron no reparto. En O Facho fixen dúas representacións.
Continuei en “Tespis” e despois duns anos comecei como profesional co grupo Teatro do Atlántico, chamado por Xulio Lago; alí coincidín cos actores máis coñecidos da escena galega como Vidal Bolaño, Miguel Pernas...
Alá polos 90 pasei a facer moitas obras con Fernando Morán. Eran producións moi duras, sen subvención, nas que tiñamos que sufragar os gastos e incluso pedir préstamos. Unha das montaxes que lembro con máis agarimo é Pedro e o capitán de Mario Benedetti. Fixémola por encargo de Amnistía Internacional, e en especial lembro un pase no Mosteiro de Sobrado, que fixeramos porque dous monxes eran socios de Amnistía; pero foramos a onde foramos espertaba moito interese e fixemos moitas representacións para o que é habitual no teatro galego.
Despois pasei a traballar de forma máis continuada con Espello Cóncavo e Teatro Galileo, e continúo.
O meu sitio no teatro é ser actor, aínda non me vexo dirixindo. O que máis disfruto é o proceso de creación, como vas comprendendo o teu personaxe e evidentemente... representando.
Xabier Pan no catálogo da AAAG.

Etiquetas: ,

O director fala de Xaquín


É o pai de Mingos e Sabela, e o home de Estrela. É o médico da vila. Home de ideas liberais, forzado a colaborar cos conservadores que ocupan a zona. Vive tamén unha contradición: por un lado quixera defender as súas ideas dun xeito máis contundente, pero o temor ás consecuencias, lévao a adoptar posturas covardes e indignas.

Etiquetas: ,

Lucía Regueiro é Sabela

SabelaSempre quixen ser actriz. Lembro que convencín a miña nai para que me levase a ver unha obra na que actuaba Lola Herrera, e que non me querían vender a entrada porque era moi nena; pero conseguino…e quedei fascinada. Eu quería “iso”. Sempre tiven esa fascinación por actuar.
Son da Coruña. Empecei a facer teatro con 7 anos no colexio Alborada, cando puxeron esta actividade. Un detalle bonito é que con 9 anos fixen o papel protagonista do libro de Euloxio R. Ruibal Amor bufo.
No instituto de Elviña formei parte do grupo Sardiña. O que máis lembro é que o primeiro curso aínda non podía formar parte do grupo; entón falei cos compañeiros e con axuda de profesores montei unha obra. Co grupo Sardiña fixen moitas obras e representacións; tamén dirixín Unha rosa é unha rosa, e lémbroa con moito cariño. Sigo vinculada ao grupo e dirixín o ano pasado As Troianas. A experiencia cos compañeiros, disfrutar e descubrir é o mellor do teatro escolar; aínda que hoxe en día moitos rapaces están máis interesados en facerse famosos que no teatro.
Estudei xornalismo, pero a realidade é que quería dedicarme ao teatro.
O que quero ser é actriz.

Etiquetas: ,

O director fala de Sabela

Sabela é a filla pequena de Estrela e Xaquín.
É un personaxe ambiguo, que está nunha idade en que aínda non é muller, pero tampouco é unha nena; na que os dous mundos coexisten: o infantil e o adulto, que xa se comeza a albiscar. Debido a isto os seus actos poden parecer irreverentes, crueis e ata, diriamos que perversos, pero, por outra banda é unha moza consciente da cruel realidade, aínda que a nega.
No contexto da obra é o personaxe que conleva unha carga máis poética.

Etiquetas: ,

X. C. Mejuto é o Capitán

Mejuto é o CapitánComecei a miña andaina teatral no grupo Sardiña do instituto de Elviña. Estiven do 86 ao 93. Alí actuei en cinco obras, todas adaptacións de orixinais de Plauto. Tamén fun axudante de dirección entre os anos 92 e 93. Saín do instituto con máis de cen representacións ás costas, cifra máis ca respectable para os anos que tiña.
Despois fun á universidade. Comecei Económicas na Coruña, pero os estudos eran algo secundario. Tanto era así, que ao saber que o teatro universitario estaba mellor en Santiago, decidín cambiar a matrícula para alá. E entrei na Aula de Teatro da Universidade de Santiago. Logo dirixín a Aula de Teatro do Campus de Ferrol, porque desde a Universidade había interese en que houbese un grupo de teatro alí.
Xa comezo como profesional como protagonista de Mario e Manfredo de Manuel Lourenzo, dirixida por el tamén, que xa me coñecía do grupo Sardiña e tamén porque fixera un curso de interpretación con el.
Despois coñecín a Vidal Bolaño, co que traballei na compañía Teatro do aquí ao longo de nove anos aproximadamente, e do que podo dicir que foi a miña maior influencia ata o de agora, todo un mestre. No primeiro espectáculo apostou por facer un casting para actores universitarios. Tiven a tremenda sorte de ser seleccionado para aquela peza, e a partir dalí estiven en case todos os espectáculos que fixo nos seus últimos anos.
Tamén participei en tres obras do Centro Dramático Galego, dúas baixo a súa dirección.
Paralelamente puxen en marcha a miña primeira empresa persoal, Teatro da Bufarda, na que podía explotar outras dúas facetas que aínda non explorara, mais que sempre tivera gana de emprender: a dirección e mais a escritura. E así é que nestes anos, Teatro da Bufarda representou varios textos escritos e dirixidos por min, entre obras orixinais e adaptacións.
Na actualidade, ademais de Zardigot, participo na serie da galega Valderrei, na que interpreto o papel de Carlos.

Etiquetas: ,


Este blogue quere aportar materiais de apoio á primeira representación profesional do Zardigot de Euloxio R. Ruibal, realizada pola compañía Espello Cóncavo. Tamén poderás atopar, coordinada pola AS-PG, unha proposta didáctica para o ensino.

Os autores



Na Web No blogue

máscaras

Axuda

máscaras

Recursos

AS-PG

Ano da Memoria

MultiRss

feed

Blogger

Engade este blogue aos teus favoritos en Technorati

Zardigot e outras montaxes

www.flickr.com


Licenza Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial 3.0 de Creative Commons

AS-PG 2007 Zardigot