Zardigot

Unha representación de Espello Cóncavo


Equipo técnico

Daniel Lázaro, técnico de son

Foto: Daniel LázaroNacín en Ourense hai 27 anos. Pódese dicir literalmente que mamei o teatro xa nada máis nacer, pois a miña nai, Belén Constenla, é actriz. Sendo neno levábame consigo aos ensaios. A min o que máis me gustaba xa daquela era a parte técnica e prepareime para isto.
Traballei como realizador na Galega, participei en curtametraxes, documentais. Estiven na televisión en Madrid, en Antena 3, en Canal 7… pero non esquezo os meus comezos na televisión local de Ourense.
O meu contacto con Arturo foi de casualidade a través de terceiros e aquí me tedes traballando con Raúl no Zardigot. Para non mentirvos direivos que este é o meu primeiro traballo para o teatro. Como digo eu: “Hai que probar de todo”. Pasei de ser mero espectador a formar parte dunha compañía.
Desde a nosa mesa de traballo vemos nos actores o volume que ten que ter o son. Intentamos axudalos, formamos parte, dalgún xeito, do seu papel, ao igual que a maquillaxe ou o guión.
Partindo do punto de vista do mundo do audiovisual, resulta máis complicado o traballo na televisión, pero o teatro require toda a atención. Gústame isto porque é máis directo, os seus resultados son inmediatos, podes ver a reacción do público e iso resulta fascinante.

Etiquetas: , ,

O director fala do Home


É un líder do bando dos liberais que desde a clandestinidade, na retagarda, organiza accións para debilitar o bando dos conservadores. Fai presión sobre Xaquín para que colabore cos liberais nas sabotaxes. Por mor deste personaxe, e da súa relación con Xaquín, caerá sobre a familia todo o rigor salvaxe dos conservadores.

Etiquetas: ,

O director fala do Soldado I


Do bando dos conservadores. Volve malferido da fronte de guerra. Só conta coa axuda doutro compañeiro, tamén ferido, que critica como os mandos se desentenden deles, mentres que os xefes dispoñen de comodidades. Van forzados á guerra. Vena como unha imposición. En ningún momento a defenden.

Etiquetas: ,

Nacín na Coruña e aquí vivo actualmente. Estou no mundo do teatro dende a escola. Sempre me gustou facer de alguén que non son, unha esquizofrenia moi ben levada.
Xa na facultade de Filoloxía estaba no grupo de teatro de Paco Nodar. Con el representamos A Balteira.
Fixen dobraxe, monólogos; un cómico moi polifacético, como tantos dos meus compañeiros. O meu contacto con Arturo e Espello Cóncavo vén desde a miña participación en Terapia de grupo, onde estabamos varios monologuistas contando a nosa historia, pero dándolle o tratamento dun argumento teatral. E en canto aos outros actores da actual compañía, moitos deles xa os coñecía da representación de Peter Pan.
No Zardigot, en principio, estaba só de axudante de dirección e por mor da baixa de un actor pasei a ocupar o seu papel, pois non había temo para máis castings.
Á hora de elixirmos os actores e actrices para os personaxes, xa durante a lectura, para cada un deles tes varios profesionais en mente. Nós tiñamos bastante claros a Xavier, Mejuto, Digón, Rodri e Sacha.
Tamén me gusta o mundo da escrita dramática. Teño algunha peza como Matar a Sísifo, Magnolia, ou Fillos da cinza mais aínda non as publiquei.

Etiquetas: , , ,

O director fala de Mingos


É o fillo máis vello de Estrela e Xaquín, e o irmán de Sabela. Dentro da familia, é o personaxe que ten as cousas máis claras: a súa ideoloxía, moi definida, lévao ao enfrontamento co pai e empurrarao a participar na guerra.

Etiquetas: ,

Manu Fernández é Mingos

MingosNacín en Rábade, onde me criei. Máis tarde fun vivir a Lugo e xa con dezasete anos mudeime á Coruña, onde me matriculei na carreira de filoloxía inglesa. Na universidade empecei a miña carreira como actor en diferentes grupos teatrais, chegando a participar en sete montaxes. Ó mesmo tempo, e tendo xa bastante claro que quería dedicarme a esta profesión, comecei a estudar arte dramática en diferentes escolas na Coruña. Logo chegaron as probas para a televisión, onde traballei en varias teleseries. Tamén participei nun bo número de curtametraxes e en diversas campañas publicitarias. Na actualidade teño a sorte de combinar o meu traballo na televisión co do teatro.
Non sabería dicir se prefiro traballar na televisión ou no teatro. Cada medio ten o seu encanto e a súa complicación e metodoloxía, pero ao final redúcense ao mesmo: traballar cos sentimentos. Do teatro gústame o contacto directo co público, a emoción xusto antes de abrir o telón, a maxia na que se mergullan actores e espectadores.
Ser actor é unha profesión difícil na que hai que estudar e traballar moito. Detrás das cámaras e do telón hai moitas horas de ensaios, de estudar guións, de traballar a expresión corporal e a voz, de esperar, de frío, moito frío, de calor, moita calor, de imprevistos; e na que tes que estar preparado para facer todo aquilo que os personaxes queren que fagas para lles dar vida. Pero logo de ter traballado tanto, unha vez que se abre o telón ou se acende a televisión, o resultado paga a pena e dá forzas para seguir adiante.

Etiquetas: ,

Poema sinfónico para Zardigot


Escoita a música do Zardigot.


Son Raúl, o compositor da música de Zardigot. Ademais de músico son tamén actor. Foi aló polo ano 93 cando coñecín a Arturo, que era o técnico da compañía coa que eu estaba a traballar. Eu daquela era aínda un recén chegado ao mundo do teatro. Estaba a rematar o último ano da carreira cando por unha desas casualidades que cambian a túa vida, un amigo me avisou de que un director de teatro buscaba alguén para facer unha substitución. Non cheguei a facer esa substitución, pero si conseguín o meu primeiro papel nunha compañía profesional hai xa quince anos.
Rematada a carreira, e traballando regularmente no teatro, seguín a estudar no Conservatorio. Puiden facer Harmonía e aprendín a tocar un pouco o piano aínda que sigo estando máis cómodo coa guitarra. É curioso: lembro que o primeiro que fixen enriba dun escenario cun grupo de teatro foi cantar. Para min música e teatro son dúas disciplinas inseparables.
Foi na compañía coa que estou a traballar actualmente, Teatro Galileo, coa que empecei a compoñer música para teatro. Despois de poñer algunha pincelada de humor, como sempre acompañado da miña guitarra, un día o director, Pedro Rubín preguntoume: “que música lle podemos poñer a este espectáculo?” Eu contestei: “Teño unha idea, deixame que a intente compoñer”. Dende aquela, veño compoñendo a música de tódolos espectáculos de Teatro Galileo. Agora, débolle a Arturo o darme a oportunidade de poder poñerlle música a esta criatura que é Zardigot, que por certo, é o primeiro espectáculo ao que poño música sen traballar dentro como actor.
Cando me enfrento a un texto ao que hai que poñer música, intento imaxinarme como quedará. Sempre pregunto pola escenografía, as cores do vestiario, quen van interpretar os papeis... e intento traducir estas imaxes a música. Ás veces suxírenme unha melodía, outras veces un ritmo ou apenas un timbre determinado (hai obras que piden metais e obras que piden violíns; unhas suxiren orquestras e outras solistas...) Cando consigo a "idea", intento dar forma ao que eu chamo "a paleta". Esta é unha composición duns 3 ou 4 minutos na que sintetizo as melodías, os ritmos e os timbres que despois utilizarei ao longo do espectáculo. Esta composición o público case nunca a escoita, resérvase para o momento dos aplausos. Pero toda a música do espectáculo está construída a partir de "motivos" quitados deste tema central, que é o que eu lle presento ao director para recibir o seu visto bo antes de aplicalo a cada momento da representación.
A luz e a música adoitan ser os últimos elementos que se incorporan a un espectáculo teatral. Son os máis inmateriais, pero aportan unha maxia especial. Consiguen dar o toque final na creación de ambientes e aportan ao espectador sensacións que van máis alá das palabras do texto e do que os propios personaxes están a representar.

Etiquetas: , ,

O director fala do Sarxento


É o subordinado do Capitán do bando dos conservadores. Un “esbirro, un can de presa”, submiso cos superiores aos que obedece cegamente. Violento, goza coa violencia e co temor que os seus actos espertan nos demais. A súa soa presenza produce aversión, noxo. Un habitual en todas as guerras. Un asasino.

Etiquetas: ,

Polo ano 74 estaba na Laboral e xa alí formaba parte do grupo de teatro que tiñan. No 77 vivín as Mostras de Ribadavia en vivo e en directo. Posteriormente simultaneo Filoloxía e Belas Artes en Santiago, e máis tarde comezo cos estudos de Filosofía. Pero non me enchía. A miña vocación xa era o teatro. Traballei tamén para a televisión, o cinema. Sobre todo na construción de decorados. Se teño que elixir entre un destes dous medios, quedo co teatro: é máis repousado, adícaslle máis tempo, vívelo máis intensamente…, o outro é máis industrial.
O decorado para o Zardigot xurdiu xa na primeira lectura da peza. Segundo lía, víñame á mente o teatro clásico grego. Cambiándolle o nome poderiamos estar ante unha peza da traxedia grega. Faleino con Arturo e construímos o que vedes.
Eu asistín á representación que Teatro Circo fixera no ano 75. Alí non había decorado, os actores estaban sós no centro e os espectadores ao redor. Nós puxémoslle decorado. A súa construción foi rápida, igual que a idea para darlle forma. Esperemos que lles guste aos espectadores.

Etiquetas: , , , , ,

Ana Muíño maquilla a todos

Nacín na Coruña hai 35 anos. Estudei Estética e realicei cursos de maquillaxe en Madrid. Levo xa vivindo de maquillar as persoas uns 16 anos; eu só me maquillo para as ocasións.
Empecei traballando no Estudo R de maquillaxe. Comecei coa serie da Televisión Galega Os vellos feirantes. E nestes momentos estou na serie Libro de familia.
Para as representacións apréndolles aos actores e actrices como se teñen que maquillar. Fágolles unha ficha coas indicacións do deseño de cada personaxe e logo eles en sucesivas represencións terano que facer por si mesmos. Por suposto, co paso das representacións, os propios actores e actrices van personalizando a maquillaxe e facéndoa máis súa.
Para crear a maquillaxe dun personaxe baséome no guión. Logo falo co director. Neste traballo hai que ter tamén en conta a iluminación. É moi importante. Para o Zardigot, dividín os personaxes en dous grupos: os do conflito bélico, todos pálidos e con rasgos cuase tribais, indicando que deixan de ser persoas para pasar ao bando dos crueis, dos inhumanos. E o outro grupo, con trazos máis reais, sen esquecer que están en guerra.
A toma de contacto con Arturo foi a través da perruqueira de As leis de Celavella . En canto á compañía actual de Espello Cóncavo xa traballo con Lucía e Manuel en Libro de familia.

Etiquetas: ,

"Sacha" é o Soldado II

O meu nome é Xosé Luís López Fernández, pero todos me chaman Sacha. Os meus primeiros contactos co mundo do teatro foron por hobby, por coñecer xente, por abrirse un aos demais e deixar de lado a timidez. E así, en 1989, xa con 24 anos, metinme na Escola Municipal de Teatro de Narón. Gustaba moito dos traballos dos obradoiros de teatro. Comecei con Luís Ramos, que aínda está na escola de Narón. Un día foi gravar por alí a televisión local e iso foi como un subidón de adrenalina.
Creamos a compañía de teatro profesional Caroza teatro, non vixente actualmente. Representabamos obras propias escritas por Xavier Prieto.
Traballei como animador á lectura en bibliotecas. Gústame o contacto coa mocidade, non entendo o de insistirlles sempre no de “silencio, silencio”, hai que buscar o xeito de que estean coa mente ocupada no que nese momento queremos.
O meu obxectivo sempre o tiven claro, todo o meu traballo ía estar vinculado ao teatro, e en canto lle ves resultados profesionalízaste e adícaste por completo a isto, ata fun secretario da Asociación de Actores.
Ao Arturo xa o coñecía porque ía por Narón, e alí estaba eu, axudando no que puidese ás compañías que nos visitaban. Sería polo ano 90 ou 91. É a primeira vez que traballo con Espello Cóncavo.
Se me desen a elixir entre o teatro ou a televisión diría que non teño preferencias. Cada medio é diferente. Coñecelos todos é valido para seguir formándose. Iso si, non me condicionan as retribucións económicas á hora de escoller, e se nalgún caso, poñamos por exemplo, unha obra de teatro non deu o resultado que agardaba polo que sexa: porque non era tan boa como crías, pola mala distribución…, nada me bota para atrás. Eu vivo ao día.
E se andamos con gripe o día da estrea, aí estamos enriba do escenario. Hai que seguir adiante. Ademais, no teatro fas de todo, formas parte dunha compañía. Nesta profesión aprendes sobre todo a respectar, desde o que vai montar ata o director.
Gústame o meu traballo. Estou nisto por transmitir a vivencia dos personaxes. Neste caso a dureza do Zardigot, das accións impostas, das vidas manipuladas pola guerra.

Etiquetas: ,

O director fala do Soldado II


É un veterano de guerra. Está no bando dos conservadores porque lle tocou. Trata de sobrevivir participando o menos posible no combate. Contrasta coa defensa acérrima da guerra que fai Mingos, recén chegado á fronte.

Etiquetas: ,

O director fala do Vello


Simboliza as vítimas da guerra, os indefensos, os inocentes; xente que se ve privada da súa familia. Homes e mulleres que son expulsados das súas casas, ou quedan sen ela..., ou o que é peor, pais que perden os seus fillos na guerra.

Etiquetas: ,

Chámome Uxío Losada Sesmonde. Nacín en Guitiriz o 4 de agosto de 1944. Agora vivo en Cesuras.
Metinme nisto do teatro nos anos oitenta e pico; xa vedes, unha cousa de vellos. Todo comezou porque o cura da parroquia me enleou para facer un papel na obra A Gaiola co grupo de teatro afeccionado Monte Medela e a partir de aí xa non puiden deixar este mundo. Representamos: A Gaiola, O acahado do castro, Os cravos de prata.
Asistín a un curso de teatro en Casa HAMLET con Manuel Lourenzo e Paulo Serantes. Logo asistín aos cursos da Escola Municipal de Teatro de Betanzos impartidos por Casa HAMLET desde o ano 2003, participando nas obras: A doncela Guerreira, De amigo e amor, Inverno de alcobiteiras, Tristán García...
Actuei facendo o papel de Foucellas en Galicia para o mundo e tamén de figuración nas series: As Leis de Celavella, Terras de Miranda e A vida por diante.
Na actualidade son socio do Grupo de Teatro Brétema de Betanzos.
Do teatro gústame todo. Aínda que os ensaios sexan tarde, aínda que non teñamos bos locais para o noso traballo, aínda que sempre esteamos de acó para aló, a experiencia de representar ante o público compensa todo.

Etiquetas: ,

O cartel

Etiquetas:

Oswaldo Digón é Fuco

Nacín en San Román de Cervantes e fun á escola en Vilafranca do Bierzo. Fixen algunhas cousas no teatro escolar que é onde se lle colle o gusto de ver o teatro e de representalo e onde destaca a creación de obras entre os rapaces. Logo marchei a Becerreá e alí comecei o instituto e por último funme a Sada.
En Sada comecei a facer contacontos para os nenos, contratado polo Concello. Cada semana facía unha creación nova. Lin moitos contos. Busquei historias da literatura infantil universal, outros que me contaran a min... e fixen a miña interpretación. Estiven facendo estas representacións ata o 2000. Fixen máis de 400 representacións. Paralelamente facía teatro co grupo da ONCE, que se chama Valacar e dirixe Arturo López. E foi nestas cando se deu o boom dos monologuistas grazas a El Club de la Comedia, non porque fose unha novidade, gustou sempre. E comecei a presentarme e concursos. Dei máis de 200 representacións cos meus espectáculos. Con Zardigot é a segunda vez que traballo con Espello Cóncavo.
Entrevista con Oswaldo Digón en La Voz de Galicia.
Oswaldo en empuje.net

Etiquetas: ,

O director fala de Fuco


É un rapaz novo que non foi á guerra por non ser ben listo. Un dos poucos mozos que quedan na vila, motivo polo que Sabela, que está na idade de mocear, amosa certo interese por el. A súa inocencia e pureza fano vulnerable; Xaquín sábeo e utilízao para fins escuros.
A súa simpleza e espontaneidade convérteno no personaxe máis pavero da obra.

Etiquetas: ,

Ana Santos é Estrela

Chámome Ana e nacín nunha aldea do concello de Mazaricos, o día 5 de marzo do 65. Son, diría eu, unha piscis de libro. Cando tiña 14 anos fun estudar a Santiago e alí vivín durante outros 14 anos máis. O meu fillo naceu en 1990. Actualmente vivo en Oleiros.
O comezo da miña traxectoria profesional foi a dobraxe; era o ano 1985 e acababa de crearse a TVG. Despois de diversos cursos de ortofonía, dicción, interpretación, dramaturxia con profesores tan marabillosos como Jesús Aladrén ou Natalia Zvereva decidín embarcarme na aventura do teatro, montando compañía propia, e no 1996 debutaba coa obra As criadas de Jean Genet.
Desde entón seguín traballando ininterrompidamente en teatro, pero con outras compañías, porque descubrín que non quería ser empresaria, senón actriz. Participei en moitos espectáculos de Teatro Galileo e esta é a segunda ocasión que traballo coa compañía de Espello Cóncavo e baixo a dirección de Arturo López, quen antes me dirixira en As Troianas.
Despois do teatro veu a televisión. Primeiro en Mareas Vivas. Alí daba vida a Pitusa, a secretaria do xulgado namorada do percebeiro Currás. Posteriormente en As leis de Celavella, na que representaba o papel de Leocadia, a dona do café.
Actualmente compaxino dobraxe, teatro e televisión, tres ámbitos diferentes, pero unha soa profesión: actriz.
Teño a sorte de traballar no que me gusta, interpretar, poñerme na pel do personaxe, darlle vida e darlle alma. Gústame sentir, que os meus personaxes disfruten ou padezan, pero só o tempo que dura a escena. Aprendo deles, porque é poñéndose na pel do outro a maneira de coñecelo e saber por qué é de determinada maneira.
No meu caso o segredo desta profesión consiste en buscar dentro de min aquilo que está acorde co personaxe a traballar. Eu penso que todos os seres humanos estamos feitos da mesma esencia, que cada persoa é un todo, e aí é onde tes que mergullarte para buscar, para recoñecer en ti a vítima e o verdugo, o comediante e o depresivo. Todos somos todo, todos temos todas as facetas. Para crear un personaxe só hai que sacar a relucir as que resulten máis convenientes para a súa configuración. O personaxe pide e o actor dá. Non me pelexo con el, instálome na súa enerxía e déixome fluír.
Ana na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ana no catálogo da aadteg.

Etiquetas: ,

O director fala de Estrela


É a nai de Sabela e Mingos, e a muller de Xaquín. É, tamén, unha personaxe contraditoria: Parte dunha postura conservadora que a medida que se van producindo os acontecementos se torna radical, arriscándose ao perigo da guerra, e todo por defender a súa familia.
Na obra é a personaxe que serve de nexo entre as distintas escenas.

Etiquetas: ,


Este blogue quere aportar materiais de apoio á primeira representación profesional do Zardigot de Euloxio R. Ruibal, realizada pola compañía Espello Cóncavo. Tamén poderás atopar, coordinada pola AS-PG, unha proposta didáctica para o ensino.

Os autores



Na Web No blogue

máscaras

Axuda

máscaras

Recursos

AS-PG

Ano da Memoria

MultiRss

feed

Blogger

Engade este blogue aos teus favoritos en Technorati

Zardigot e outras montaxes

www.flickr.com


Licenza Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial 3.0 de Creative Commons

AS-PG 2007 Zardigot